25/7/12
O individual no colectivo
No tempo de cambio que vivimos, vexo algo que me parece digno de consideración: estamos na procura dunha saída satisfactoria no plano colectivo, á que supeditamos a nosa propia realización individual. Proxectamos sobre xestores públicos unha demanda da estabilidade que cremos merecer, quizabes coa convicción de que un tempo de calma ha traernos tamén o acougo necesario para desenvolvermos a alegría e o amor individualmente. Se se soluciona o grande, o pequeno vai por si mesmo, sen máis ca incorporarse docilmente á corrente, ao curso que manexan os que saben.
Para min, isto esquece o feito de que os momentos de dificultade no crean en por si problemas, senón que poñen de relevo os que xa existen.
A adversidade revela os nosos medos, as nosas feridas, porque a enerxía que empregamos en as mantenermos ocultas despázase para atender outras urxencias. Os censores internos da expresión abandonan os seus postos, e permitímonos expresar o que na vida cotiá veriamos como tolemia. Deste xeito, a angustia toma o mando cando necesitamos reorganizarnos e evolucionar, para abandonar estados esgotados de existencia; e a angustia lévanos a unha regresión, na que os automatismos psíquicos nos sitúan na infancia, á espera de que aqueles que se erixen en adultos cumpran coa súa obriga de nos sacaren do apuro.
Teño plena confianza en que esta actitude, para min inútil, ceda, para permitir que nos expresemos na nosa verdadeira identidade. A tensión que respiramos pode servir para que actuemos desde a raíz, que está en nós mesmos e nas nosas mentes individuais: cada acto responsable nutre a enerxía de liberación; cada apertura trae un anaco máis de claridade á visión colectiva. Se non podemos transformar a outros –que non podemos–, o descubrimento da nosa verdade move cunha potencia inmensa os elementos que conforman a nosa experiencia vital.
Tomados como símbolo, dez náufragos nunha balsa terán máis posibilidades de supervivencia se racionalizan os recursos, realizan un bo reparto, atenden os máis necesitados e ocupan o seu tempo en calcular o lugar no que se atopan e en crear algunha forma de propulsión ca se abdican de responsabilidades, limítanse a chorar polo infortunio ou entran nun combate co pasado e culpan o capitán de botar a pique un barco que en ningún caso volverá flotar.
Se necesitamos axuda profesional e utilizámola, estupendo, pero podemos empezar doutros xeitos, se así o desexamos. Podemos observar se estamos de acordo coas nosas accións, se as consideramos unha expresión da nosa identidade, ou se responden a automatismos ou a formas transferidas por outras persoas ou vivencias esquecidas. Podemos observar as nosas reaccións máis destacables e comprobarmos se nos levan a algo máis valioso, no profundo da nosa consciencia.
A expresión da rabia, por exemplo, podemos crer que a realizamos desde a nosa autenticidade, pero se soamente nos leva a unha peregrinación de enfados, quizabes conveña que revisemos outras alternativas, como respectarmos a perspectiva allea –para garantir o respecto cara á nosa–, observarmos se puxemos os límites no momento preciso, ou se nos abandonamos á espera de que outra persoa descubra o abusivo do seu comportamento cara a nós e rectifique.
Se caemos na crítica, podemos comprobar ata que punto repetimos cualificativos, e que teñen que ver coa percepción do noso propio interior. Onde está a recriminación necesaria e onde a proxección dos elementos discordantes que nos desestabilizan desde dentro.
Cada persoa pode achar a súa propia forma de camiñar cara á paz consigo mesma, polo que a vía non importa agora. Paréceme máis interesante observar como aquela balsa, tripulada por seres humanos que se coñecen a si mesmos –primeiro consello do oráculo de Delfos– van multiplicar as opcións de liberación, se as comparamos cun grupo no que cada un se deixa levar polos seus demos particulares. Un bo coidado do noso interior permítenos actuar con máis eficacia no que de verdade nos interesa, ou, polo menos, retirarmos moitos obstáculos nun malestar que tendemos a atribuír a terceiros. E saberemos mellor que pedimos, e quen nolo pode fornecer.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario