Co paso do tempo, as nosas sociedades evolucionaron cara a unha visión máis profunda do colectivo. Coñecémonos mellor entre as persoas, de xeito que a nosa capacidade de trasformación se multiplicou dunha forma exponencial, cara a o benestar e a calidade de vida, malia que expuxésemos á luz tamén ameazas importantes, que só poderemos superar na acción conxunta e na consciencia do lugar que ocupamos nesta trama complexa. Fomos cazadores, recolectores e construtores; buscamos novas propiedades dos elementos e trasladamos os nosos coñecementos –e tamén os nosos erros– a través das xeracións que habitaron o planeta.
Creo que os números manteñen unha función básica nas nosas vidas, e que a entrega a unha presunta racionalidade de escuadra e compás non fixo outra cosa senón apreixar a vontade de quen se sometese a tal práctica. Sempre houbo voces que alertaron do problema, aínda que, en moitos casos, cunha negación do recurso, coma se se tratase dun elemento parasitario que producise en por si os trastornos; sempre houbo tamén, e moitas veces no anonimato, persoas que se deixaron sentir e maduraron dunha forma sá, cunha expresión organizada das súas emocións e unha visión máis clara das facetas contables e incontables da súa realidade. Unha apertura cara ao inmanente prodúcese adoito; non contamos con respostas automáticas, debido á complexidade de estímulos que recibimos e á forma na que os percibimos en cada momento.
Gustariame figurar no grupo de ecuánimes que saben discernir o esencial do adxectivo, que souberon superar os condicionamentos do pasado e poden vivir o instante presente en si mesmo e no que lles di nun diálogo directo. Podo apuntar isto como un obxectivo de consciencia, e ver que sucede, pero, mentres, sigo o curso da miña vida, coas súas calmas e as súas turbulencias, coas que participo no movemento total. Vexo na cuantificación unha fórmula moi útil para actuar dun xeito planificado, para establecer referencias interesantes sobre os equilibrios necesarios para a vida, para o desenvolvemento creativo ao que estamos chamados no colectivo da humanidade.
O obstáculo, obxecto secular de deostación, véxoo nos marcos cognitivos que tendemos a asociar a unha simple referencia. o tempo de axuste chámanos a pórmos en práctica o que repetimos e berramos durante milenios: valorar as calidades do contado, do pesado e do medido; pórmos consciencia nos elementos que interveñen, ordenarmos, actuarmos de forma creativa coas interaccións novas, que a nosa lóxica se resiste a procesar, porque non entran dentro do coñecido. Nas circunstancias nas que vivimos, creo que nos convén reorganizarmos a nosa mente colectiva, de xeito que entreguemos as nosas seguridades racionaies a unha decisión por cubrir os pasos que van máis alá da liña. Rebordámola en cada segundo da historia, e seguimos agarrados aos bolardos do pasado, ou, polo menos, esa sensación teño.
Sei que cada vez está máis desenvolvida a nosa percepción grupal; que as transformacións nas que participamos, aínda que parezan ás veces regresivas, lévannos a unha resultante de apertura, que nos permita crear realmente o noso mundo tal como o necesitamos, tal como o propio planeta precisa expresarse. Os números, os datos concretos, tamén teñen un máis alá, un resón inextinguible que modula unha forza total, na que todo ten cabida e expresión. Creo, por exemplo, que podemos ter taxas de desemprego do 80% e mellorarmos a calidade da nosa existencia, sempre que vexamos nos máis seres humanos, cos que compartirmos os nosos recursos; creo que o volume de agua dos océanos pode nutrirse co descallamento dos polos, e nós crearmos novas formas de entendemento co medio que lle devolvan vida aos océanos. Creo que se trata simplemente de que cambiemos os nosos obxectivos, de que miremos de fronte as nosas desconfianzas infundadas, e de que sigamos ensinanzas que coñecemos de sobra, e que se renovaron constantemente ao longo do tempo, nas que importan as nosas emocións expresadas desde a verdade.
Nun tempo no que ningún ser humano integrado no sistema escapa ás estruturas de poder que lle marcan o camiño, chegou o momento de crear e de explorarmos a grandeza do descoñecido, das nosas identidades libres, que comparten a vida.
No hay comentarios:
Publicar un comentario