Quen se achegue a este blog farao desde a súa perspectiva, desde a súa verdade. Pola miña vez, gustaríame ofrecer algo auténtico, sentido, máis alá de prexuízos asentados na miña mente, de medos, de procuras de efectos concretos sobre os máis. Non sei ata que punto heino conseguir, pero parto do compromiso de depurar estas mensaxes, polo menos, de manipulacións conscientes, de valoracións sobre resultados ou de automatismos que poida detectar. Sei que se trata dun simple propósito, pero, se logro manterme fiel, este proxecto individual pode formar parte da semente dunha nova forma de nos comunicarmos, que nos conduza cara a estados máis confortables de liberdade.
Creo que o noso universo está baseado en infinitas difraccións, nos cambios de curso que se producen en feixes enerxéticos de moi distinta natureza. Os pulos iniciais do Big-Bang foron mutando na súa interacción: crearon materia, formaron resultates nas súas coincicencias, vibraron dun xeito distinto ao se uniren ou ao se escindiren, e crearon novas enerxías e novas formas de existencia. A vida, a percepción sensorial e, como elemento máis elevado –que eu saiba–, a consciencia.
Con este desenvolvemento, chegamos a un punto crítico, polo menos, no nivel planetario. A presión demográfica pon a proba a capacidade que temos de producir recursos; a contaminación, a capacidade da terra para autosandarse; a carreira armamentística, o noso instinto de conservación da especie fronte a un uso especial da racionalidade. Tamén a loita do poder iniciada nas cavernas chegou á súa expresión máis intensa; a súa base na destrución como recurso para gañar espazos pouco máis alá pode ir para se manifestar.
Ao mesmo tempo, desenvolvemos tamén a consciencia do entendemento, malia que as nosas sociedades ou as nosas nacións aínda non o expresen plenamente. A nosa continuidade e as posibilidades de acadarmos novos estados de benestar baséanse nela, que non xurdiu da nada. Veu formándose e existindo desde as primeiras sociedades humanas, ou desde antes, se temos en conta os modelos de integración que nos ofrecen a zooloxía, a botánica ou a xeoloxía. Conviviu e formou parte dos fluxos nos que se manifesta a discordia, mesmo nos seus estados máis extremos: houbo sempre unha base que permite xerar vencellos, alianzas, células organizadas, aínda que estas sigan camiños de destrución e de xenreira. Importa a dor, pero o seu efecto modula a nosa esperanza actual; permite a súa difracción, para abrir novos obxectivos.
Quen chegue ata aquí, ten a miña benvida. A súa lectura, deixe ou non constancia dela, modulará tamén estas mensaxes, tomadas dunha experiencia vital na que todos os seres do planeta estamos implicados. Se encontra un apoio para unha transformación positiva, excelente; se non ve nada que lle permita acceder a espazos novos, polo menos poderá facer algunha refuga, o que xa supón unha liberación de cargas. O camiño facémolo no plano colectivo, e, na miña opinión, todos os pasos contan.
No hay comentarios:
Publicar un comentario