Creo que os gobernos expresan o que levamos dentro no plano individual. Deste xeito, as relacións entre o aparato do estado e a cidadanía, e a dos estados entre si, responden ás nosas propias pautas de conduta, aos nosos modelos actuantes e á nosa propia visión. Isto lévame, en xeral, a aceptar as opcións políticas que se alternan nas responsabilidades, porque creo que a posible indignación contra elas simplemente oculta un malestar ante nós mesmos, ante o que podemos mover e non movemos, ante a nosa parte escura, que nos conduce ás infinitas formas de insatisfacción que queiramos inventariar.
Nun libro breve, e, para min, claro e sinxelo, Georges Lakoff fálanos da relación entre as nosas inclinacións colectivas para escollermos os nosos gobernos e os marcos cognitivos que actúan, independentemente dos nosos intereses persoais e da lóxica pola que nos rixamos. Non penses nun elefante (editorial 2.0, 2010) explícanos como existe un modelo baseado no padre estrito –que identifica co conservadorismo– e outro no padre protector –asociado ás vertentes progresistas–. Segundo isto, na decisión do voto pesa máis o modelo que teñamos interiorizado ca os factores sobre os que adoitan centrarse as campañas electorais.
Esta lectura espertoume algunhas intuicións, relativas ao funcionamento do propio goberno e ao modelo que poida representar. Lévoo, amais, á expresión das estruturas nas que se asenta, independentemente da opción política que ocupe os cargos, porque creo que se dan cuestións sistémicas moi interesantes, para pormos rumbo concreto, elixido libremente.
Creo que o padre estrito actúa como centro do seu propio universo. O desenvolvemento dos fillos está supeditado a unha condición de satélites, da que nin a morte os separa: deben continuar a obra, manter a identidade e someterse aos seus principios; pola súa vez, o pai protector actúa como un elo transmisor, que lle fornece aos fillos unha información básica para iniciar a súa propia experiencia vital. Ten como fin que desenvolvan a súa verdadeira identidade, e que constrúan o seu propio mundo, que se escinde cando o proxenitor está aínda en plenitude de facultades.
Considero imprescindible o primeiro modelo porque, para min, a orixe do segundo está nel. Deulles cohesión ás sociedades primitivas; organizou as forzas ante un medio hostil –non en por si, senón por falta da adaptación que trae a consciencia–, creou estruturas e deulle firmeza ao asentamento do xénero humano sobre o planeta. Rexeita o cuestionamento, porque abre a porta cara a un baleiro perigoso, pero, amais, a rebeldía nel só conduce a reforzar o sistema: o elemento subversivo aspira a tomar o papel do padre, e a aplicar os seus propios principios cos mesmos recursos utilizados polo poder que combate.
Para este modelo paternal –que considero primitivo–, importa máis a orde ca a eficacia. Non importa atravesar malos pasos, se queda preservada a estrutura social, o principio de autoridade, a infalibilidade. Os problemas derivan da inmadurez dos fillos, da súa inconsciencia cando levan adiante ideas non sometidas á aprobación paterna; moi raramente responden á asunción de erros ou á falta de motivación derivada da adscrición forzada a proxectos alleos.
Os ditados do padre estrito enténdense como incontestables. Un factor propio do clan prehistórico, que chegou a unha expresión feudal e continúa agora, dado que o modelo está vivo, e, dentro del, tamén a necesidade de manter unha imaxe de acción constante, especialmente ante as dificultades. Cando o grupo chega a unha situación complicada, ou cando o padre non pode ver a saída, diría eu que instintivamente, recorre ao castigo, a impor un sacrificio, do que non coñece as consecuencias, que deben soportar os fillos/súbditos, tamén nunha expresión recoñecible no feudalismo.
Pola súa vez, o padre protector sométese ao diálogo e nútrese del. Ao mesmo tempo, sabe distribuír responsabilidades, aceptar erros propios e alleos, valorar situacións e rendibilizar os recursos. Ten como obxectivo non a conservación do sistema en por si, senón a xestión da realidade, á que se adapta e á que procura adaptar a colectividade que rexe.
Se vemos as actuacións do noso goberno nos últimos tempos, facilmente podemos crer que me refiro a el como paradigma do padre estrito, cando a miña vontade vai por outro camiño: nas ofertas políticas que vin, desde o comezo da democracia, percibo sistematicamente patróns concretos, dados polos diferentes partidos, que descargan a cidadanía –aparentemente– de responsabilidades. Servizos que nos retiran obrigas vitais, que forman parte da nosa esencia como persoas, e nas que só podemos recibir apoios externos, que nos leven máis alá na nosa expresión de seres con calidades específicas.
Creo que, neste momento, o estado, o poder, o padre ten a misión de ofrecernos a súa axuda para ampliar a nosa consciencia. En temas tan importantes como a saúde, a educación, a protección dos máis débiles e outros parecidos, a cobertura total só nos levaría –na miña opinión– a deshumanizarnos e a atrofiarnos como seres con competencias psíquicas superiores. Os problemas crecen á medida que os recursos os palían, porque o elemento esencial, a consciencia e a capacidade de transformación individual, quedan soterrados baixo ese poder idealmente omnímodo.
O modelo do padre protector, aínda non experimentado –creo–, tráenos outra alternativa: a saúde, na estrutura do sistema, responde á asunción da responsabilidade individual, o mesmo ca a educación ou a protección das persoas que teñen limitada a súa capacidade de se valeren en por si. Un modelo baseado na colaboración, na comprensión, no sentido colectivo, no que os recursos gañan en eficacia, porque se dirixen, máis ca a solucionar problemas, a crear calidade de vida.
Hoxe poucos dubidan de que na base da nosa civilización existe unha compoñente tóxica importante, sobre a que se sustenta o modelo económico e o político: os alimentos conteñen elementos nocivos; a produción desequilibra o medio natural e os excedentes atéiganse sen sentido. As persoas debemos xustificar a nosa presenza no planeta por medio dun traballo, que o sistema esixe e nega á canda. Cada ser humano debe estar facendo algo identificable como aceptación do poder, e debe expresalo en termos crematísticos, aínda que a súa actividade, vista cun pouco máis de amplitude, cause trastornos nos niveis mediatos e inmediatos.
Deunos un desenvolvemento grande; acelerou moito os procesos, visto en calquera etapa da historia, pero, na miña opinión, o modelo do padre estrito está esgotado. Nace del, como expresión natural, o protector, o que integramos as persoas, como elementos activos que desenvolven as súas capacidades. Estamos no tempo do parto, aínda que sempre estivese presente, e nin as ditaduras máis refractarias resultasen impermeables ao sentir das poboacións.
O momento da responsabilidade compartida está aquí, pero, máis alá da rebeldía contra medidas concretas dos nosos gobernos ou das estruturas globais nas que nos inserimos, creo que nos corresponde expresala a través da nosa capacidade de transcender o marco que se esgota, e de vivirmos na expresión da nosa consciencia en liberdade.
No hay comentarios:
Publicar un comentario