Máis ou menos, a relación entre os estímulos que procesamos a través do consciente e os que procesamos a través do subconsciente está contra de 1/500.000. Unha proporción que pon de manifesto –se a miña información responde á realidade– o inmenso espazo interior que actúa nun nivel de percepción oculto á nosa mirada, e o que este vai tomando da experiencia vital de cada instante. A mirada consciente repara en aspectos concretos da inmensa cantidade de mensaxes que se dirixen a nós, cunha selección que responde a elementos fóra do control voluntario, malia que accesibles, con paciencia e intención de descubrir as súas mecánicas.
Ademais do impagable avance do siglo XX en psicoloxía, outras vías que considero utilísimas desenvolveron o seu camiño ao longo de milenios. Teñen o inconveniente de que puideron caer en tramas de control das personas, tomas de poder ou manipulacións, arrastradas por tentacións non soamente de individuos emocionalmente danados, senón de sociedades aínda inmaduras, nas que as revelacións marabillosas atoparon soportes inadecuados para a súa función evolutiva. Cumpría a humildade que require manterse en contacto coa raíz, no canto de someter os seus códigos a intereses preestablecidos, e houbo quen lles deu esa continuidade, no sagrado da consciencia.
Unha destas ensinanzas está na astroloxía, a través da cal temos acceso a elementos esenciais de nosa personalidade e do desenvolvemento da nosa vida. Quen desexe tomala como un código determinista, no que todo está escrito, que o faga; quen crea que o universo tene unha ordenación casual, sen máis sentido ca o de manter as traxectorias da materia e da enerxía ata que os conflitos ocasionais as cambien ou as creben, tamén está no seu dereito, igual ca quen adopte calquera outra perspectiva verbo do tema.
Pola miña parte, considero que o asunto vai máis alá da certeza que lle poidamos atribuír a unha configuración celeste para responder ás nosas preguntas e afondar na nosa alma. O día e a noite maniféstanse consonte a interacción dos astros, o mesmo ca as mareas ou as estacións; o noso comportamento harmonízase con estes ciclos e coas súas alteracións, e o noso carácter expresa distintas facetas en consonancia con eles.
Da mesma forma, unha persoa que abre os ollos á vida nunha estación gravará uns rexistros iniciais distintos se chega nunha hora concreta do día ou noutra, ou nunha estación ou noutra. Haberá quen perciba a expansión, o aumento da luz, a apertura da vida, e quen vexa a redución, a interiorización, o período de quietude no que os seres acougan, especialmente no reino vexetal. Cambiará a súa alimentación, o seu abrigo, o movemento ao seu redor, os sons, os olores, etc.
Estas modificacións vanse volvendo cada vez máis sutís, ata onde as perdemos de vista, pola limitación do noso sistema perceptivo. Cábenos, en cambio, intuír que máis alá do horizonte segue o mundo; que dentro de cada ser existen as células, cos seus órganos, nos que se unen tecidos, moléculas, átomos, partículas subatómicas e unidades de materia aínda non desveladas polos recursos técnicos; podemos sentir se máis alá da derradeira manifestación á que teñamos acceso, na influencia dos astros, queda algo máis, coa súa actividade e a súa influencia na armazón complexa que se presenta baixo a forma dunha persoa.
A percepción consciente repara no día ou na noite; na primavera ou a canícula. A mirada cara ao ceo nocturno dexerga puntos luminosos, e extasíase coa súa beleza, ou esquécelle a súa existencia, para atender urxencias habituais. Todo normal e respectable, malia que calquera se decata de que unha flor que nos recibe co seu mandala pletórico nun lugar esperta no noso interior unha mirada distinta ca unha máquina de escribir, un abrigo nunha percha ou unha campá na súa espadana, cousa que tamén pasa adoito desapercibida á nosa análise racional, malia que resulte moi doado darse conta de como inflúen na vivencia.
Podería non haber relación entre isto e o ceo, por difícil que resulte demostralo, pero, aínda nese caso, coido que a astroloxía mantería o seu sentido: unha carta astral ou un horóscopo daríannos unha serie de elementos para considerar respecto da nosa verdadeira identidade; poderiamos tomalos como dogmas de fe e acomodarnos neles ou observar que resonancias espertan nos planos emocionais, nas nosas actitudes, nas situacións ás que tendemos na vida. En calquera dos dous casos penso que poderiamos ordenar moitos aspectos descontrolados da nosa realidade esencial, resolver moitos conflitos entre a vontade consciente e a motivación inconsciente, e dármoslle sentido e belleza a unha enerxía que podemos manexar.
Teriamos tamén unha imaxe dos nosos apegos, na que a liberdade para os disolvermos nos corresponde. A astroloxía, responda ou non a unha verdade incuestionable, amósanos un camiño, que podemos ignorar ou percorrer, consonte as nosas propias eleccións.
No hay comentarios:
Publicar un comentario